Thursday 25 de April de 2024

III Certame Poesía en Cabanas


Aberto o prazo de presentación de obras para o III Certame de Poesía de Cabanas

As persoas interesadas poden presentar as súas obras até o próximo 17 de maio

O Concello de Cabanas anunciou esta mañá o “III Certame de Poesía Concello de Cabanas”, que se enmarca na programación posta en marcha polo consistorio cabanés para conmemorar o Día das Letras Galegas, que este ano homenaxea ao autor Florencio Delgado.

O certame ten como obxectivo fomentar o uso e prestixio da lingua galega, en calquera das súas normativas, a través da expresión artística e a creatividade, e está dirixido ao público de todas as idades, divididas en dúas categorías: infantil e xuvenil, até os 17 anos inclusive, e adulta, a partir dos 18 anos.

As persoas interesadas en participar teñen de prazo até o próximo 17 de maio ás 23.00h para facer chegar as súas obras, que deberán ser textos inéditos e integramente en lingua galega, a través do correo normalizacion@cabanas.gal, de acordo coas bases dispoñíbeis na web cabanas.gal.

Ademais do III Certame de Poesía, o Concello de Cabanas está a preparar unha axenda de actividades para conmemorar o Día das Letras Galegas, cuxa axenda será detallada en próximas datas.